Tuesday 14 de May de 2024

Rey destaca os valores que xera a práctica do deporte na mocidade


 

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, acudiron á segunda Gala do Deporte da Coruña e da súa comarca, que tivo lugar no centro Ágora

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, e a alcaldesa, Inés Rey, acudiu esta tarde á segunda Gala do Deporte da Coruña e da súa comarca, organizada por La Opinión, que tivo lugar no centro Ágora e na que se premiou aos e ás deportistas que están a sobresaír nas distintas especialidades deportivas. A rexedora destacou o feito de que os e as tres finalistas de cada categoría subisen ao “pódium” xa que todos desenvolveron un gran traballo e merecen o seu momento, “unhas décimas de segundo, quizais un par de minutos que representan anos de esforzo, unha dedicación enorme que implica sacrificios que pagan a pena porque supoño que eses partidos, esa proba en que batestes a última marca, aquela canastra que vos outorgou unha copa non teñen parangón”.

Rey lembrou os valores que xera a práctica de deporte en equipo: “Ensínavos xeitos de actuar na vida en que unha persoa non vai por libre, ten que se apoiar en quen está ao lado, pasarlle a pelota e cederlle o protagonismo para que remate a xogada, ten que facer que todo funcione en harmonía e que cadaquén cumpra o seu cometido”. A nivel individual, sinalou que a responsabilidade se multiplica e “tedes que conseguir que a forza de vontade sexa un signo que vos acompañe sempre para serdes capaces de estar por enriba dos factores adversos, das lesións e dos días de fraqueza”.

A alcaldesa lembrou que desde o Goberno local impulsarán o deporte de base, “queremos apoiar aos clubs para que sigan enganchando a mocidade nas distintas especialidades. Cremos que o deporte é fundamental e por iso concentra unha soa

concellaría na Coruña porque unha mente está sa cando habita nun corpo que tamén o está”. Ademais, valorou positivamente o premio que se lle outorgou a Arsenio Iglesias pola súa traxectoria e que, para Rey, é merecidísima, “igual que todas as homenaxes e xestos con que se está recordando a súa figura porque precisamente desde esa perspectiva de tempo dámonos conta máis aínda do que supuxo para esta cidade un raposo, un ‘aldeán’, tal como se define el, que chegou da Baiuca co posto para ensinarnos fútbol e, sobre todo, humanidade”, manifestou.